En Galicia o mar non foi nunca fronteira xa que desde tempos inmemoriais
os galegos souberon aproveitar, nunha singular simbiose, as riquezas
que este medio lle proporcionaba. Neste mar, e nos mares do mundo,
pescaron os mariñeiros galegos todo tipo de especies, desde os
minúsculos camaróns ata os grandes túnidos e incluso baleas, para chegar
a conformar na actualidade unha industria potente na que destacan a
acuicultura, o marisqueo, as conservas, o desenvolvemento naval, etc.
Este mar tamén definiu unha paisaxe única con 1200 km de costa dunha
gran beleza e diversidade na que podemos atopar longas praias de fina
area, escondidas calas, espectaculares cantís e belas illas e illotes,
ou as características rías que representan un dos seus sinais de
identidade. Esta paisaxe, unida ao singular patrimonio cultural
vencellado ao mar e á pesca, permite a súa visita e gozo ao longo de
todo o ano complementándoo cunha rica e variada gastronomía baseada en
produtos de excelente calidade e aloxándose en máis dun centenar de
aloxamentos rurais singulares.
Convidámoste a "navegar" por esta web do turismo mariñeiro de Galicia e
desexamos que teñas "unha boa marea"