Os GAC avanzan na diversificación das zonas de pesca, intercambiando experiencias con outros grupos de Europa

10
Jul
0
com
Fecha: 
10/07/2011 - 12:34

Os Grupos de Acción Costeira avanzan na diversificación das zonas de pesca intercambiando experiencias con outros grupos de Europa. A Consellería do Mar, a través dunha representante, e os xerentes dos Grupos de Acción Costeira participaron esta semana no quinto seminario transnacional para os Grupos de Acción Local de Pesca. O seminario Flag in business: promover a diversificación nas zonas de pesca foi organizado pola Comisión Europea en Polonia co apoio do Ministerio de Agricultura e Desenvolvemento Rural deste país, no marco da Presidencia polaca da UE.

Dentro destas xornadas o Grupo de Acción Costeira do seo Fisterra e ría Muros-Noia, GAC4, presentou o plan que elaborou para a mellora do turismo mariñeiro, a través do que nace o Club de Produto Mar Galaica, formado por empresas de hostalería, museos e centros de interpretación vinculados ao mundo do mar para a realización de actividades e servizos de turismo mariñeiro. Fíxoo no marco dos grupos de traballo formados para debater e intercambiar experiencias de proxectos co obxectivo de desenvolver solucións para diversificar as economías das zonas de pesca.

Ademais do grupo de Turismo no que o GAC 4 deu a coñecer o seu proxecto, o seminario contou con outros grupos de traballo sobre outros ámbitos que posibilitan a diversificación das zonas de pesca, as actividades medioambientais, as actividades sociais e culturais coa finalidade de dotar aos grupos de ideas e actividades prácticas.

Outro dos obxectivos que abordou este seminario foi o debate sobre como desenvolver unha estratexia de diversificación das zonas costeiras orientada ao futuro, baseada nos recursos e as oportunidades que ofrece cada zona. Tamén se tratou a implicación do sector pesqueiro e a aqueles actores relevantes do territorio nas actividades de diversificación e do rol da muller como motor e beneficiaria da diversificación.

Os xerentes dos GAC de Galicia tamén tiveron a oportunidade de coñecer os plans dos Grupos de Acción Local de Pesca de Gdynia, en Polonia e información sobre as actividades futuras do Farnet, unha rede establecida pola Comisión Europea para asesorar na implementación das medidas europeas para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca, dentro do marco do eixo 4.