Mar asina o convenio que desbloquea e pon en marcha os Grupos de Acción Costeira

11
Ago
0
com

Santiago, 11 de agosto 2009.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, subscribiron hoxe o convenio polo que a Xunta achega 7.423.260 euros para pór en funcionamento os Grupos de Acción Costeira (GAC). Con esta actuación, os 7 grupos asociados ás zonas nas que se distribuíu o litoral galego acadan o recoñecemento  de axentes colaboradores da Administración.

O obxectivo da Consellería do Mar é impulsar a posta en marcha destes 7 grupos -integrados por organizacións pesqueiras, marisqueiras, acuícolas, sociais, ambientais e culturais- para que desenvolvan os seus Plans Estratéxicos Zonais nas súas correspondentes áreas de traballo. O convenio ten carácter plurianual e establece unha partida de 2.299.208 euros para o ano 2009 e de 1.281.013 euros  ao ano ata o 2013.

A Consellería do Mar desbloquea así a situación na que se atopaban estes grupos de traballo, creados a través dunha orde do 17 de xullo de 2008, pero non constituídos formalmente. Logo de axilizar o rexistro das asociacións e proceder á súa inscrición definitiva, a sinatura dos convenios permite librar os fondos para atender os gastos de xestión dos GAC.

Os Grupos de Acción Costeira
A principal labor dos GAC é a elaboración dun Plan Estratéxico Zonal (PEZ) da súa área de traballo a partir dun estudo socioeconómico que revele a situación da comarca, as carencias ás que se enfronta o sector, os seus puntos débiles e  puntos fortes. O PEZ servirá de marco para definir as accións e iniciativas que desenvolverán para fomentar a sostenibilidade social, económica e ambiental das zonas costeiras. O obxectivo é garantir o desenvolvemento sostible das zonas pesqueiras fortalecendo a súa competitividade, diversificando accións económicas, mellorando a calidade medioambiental das zonas e fomentando a unión e potenciación do sector.

Segundo se recolle nos convenios, a achega económica realizarase en dúas partes. Nestes convenios establécese unha compensación económica a favor dos GAC como entidade colaboradora que ascende ao 10% do presuposto total asignado a cada GAC para gastos de funcionamento máis outro 10% correspondente a gastos de sensibilización e difusión do PEZ. Para promover a execución  destes plans é necesario establecer as bases reguladoras das axudas dirixidas a subvencionar os distintos proxectos que teñan encaixe nos PEZ de cada Grupo e proceder a súa convocatoria, que se realizará mediante unha orde da Consellería que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). Así a Consellería do Mar financiará os proxectos, e os GAC serán os encargados de tramitalos. 

O Programa de Acción Costeira ten coma obxectivo xestionar a liña de acción dos Fondos Europeos de Pesca (FEP), a través da concesión de axudas aos proxectos presentados polos GAC e así contribuír á mellora socioeconómica das comunidades pesqueiras nas que residen os profesionais do mar. Das medidas levadas a cabo por estes grupos de traballo, beneficiaranse tanto as xentes do mar como os habitantes das zonas costeiras.