Farnet pon dous proxectos galegos dos grupos de acción costeira como exemplo para motivar ao resto do litoral europeo

03
Xul
0
com
Fecha: 
03/07/2011 - 11:07

A comercialización de novos produtos derivados do percebe e a concienciación da importancia da tradición da recollida de berberechos en Anllóns son os dous traballos seleccionados por este organismo europeo

´Farnet´ considera que ambos son modelo de “boas prácticas” que contribúen ao desenvolvemento sostible de zonas de pesca

Dous proxectos dos Grupos de Acción Costeira son considerados polo Farnet como exemplo de “boas prácticas” e de contribución á revitalización das zonas costeiras. Farnet é un organismo establecido pola Comisión Europea para asesorar na implementación das medidas europeas para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca, dentro do marco do eixo 4. Os dous foron previamente aprobados pola Consellería do Mar, que persegue, a través deste programa europeo, dinamizar o litoral galego.

O primeiro deles, proposto polo GAC da Ría de Vigo – A Guarda, céntrase na comercialización de novos produtos derivados do percebe. Así, lanzaron no mercado español percebe natural enlatado e paté de percebe con algas mariñas, para o cal se usa o percebe de menor valor comercial. O proxecto tivo un bo impacto na nosa comunidade, ofrecendo máis oportunidades de emprego e reforzando o desenvolvemento da economía local. O grupo está a investigar o potencial de lanzamento destes novos produtos a nivel internacional.

O segundo proxecto foi promovido pola agrupación das mariscadoras do Ría Anllóns e proposto polo GAC Costa da Morte. Consiste nun conxunto de actividades dirixidas a aumentar a concienciación sobre a importancia da tradición da recollida de berberechos nesa zona e mellorar a imaxe do produto. Así, as traballadoras dos berberechos deron a coñecer o produto entre a poboación, restaurantes, hoteis e tendas e equiparon as súas instalacións para habilitar sesións de degustación e presentación. Outro dos obxectivos que persegue este proxecto é aumentar o valor engadido do produto mediante a venda directa e o desenvolvemento de novas formas de envasado e presentación.

A agrupación xa vende directamente a catro restaurantes da zona e a algúns particulares, o que permite aumentar os seus ingresos. Ademais elaborouse un libro de receitas para dar ideas das distintas formas de preparar berberecho e organizáronse 15 xornadas de clases de cociña e de degustación, ás que asistiron asociacións de amas de casa e de xubilados, representantes de hoteis, tendas e peixerías.

O organismo colgou na súa páxina web os obxectivos e descrición destes dous proxectos co propósito de animar aos Grupos de Acción Local de Pesca europeos a presentar iniciativas deste tipo. Os interesados poden consultalos no seguinte link https://webgate.ec.europa.eu/fpfis/cms/farnet/content/project-examples.

Isto pon de manifesto que as diversas xornadas organizadas pola Consellería do Mar cos representantes dos Grupos de Acción Costeira para orientalos á hora de presentar os proxectos axeitados, deron resultado.

Proxecto de diversificación das actividades da Asociación profesional de mariscadoras do río Anllóns https://webgate.ec.europa.eu/fpfis/cms/farnet/content/project-examples

Proxecto de Comercialización de novos productos derivados do percebe de Mar de Silleiro S.L.
https://webgate.ec.europa.eu/fpfis/cms/farnet/sites/default/files/docume...