O Grupo de Acción Costeira da Ría de Arousa reúne a 38 entidades sectoriais para sentar as bases da Estratexia

14
Out
0
com
Fecha: 
14/10/2015 - 13:42

O Grupo de Acción Costeira da Ría de Arousa reúne a 38 entidades sectoriais para sentar as bases da Estratexia de Desenvolvemento Local ata 2020

- A sesión, altamente dinámica e operativa, estivo estruturada en tres mesas sectoriais de traballo, centradas na economía pesqueira, o turismo e o patrimonio natural e cultural, das que saíron decenas de propostas.

Vilagarcía, 9 de outubro de 2015. Un total de 38 entidades sectoriais asistiron onte á xuntanza convocada polo Grupo de Acción Costeira da Ría de Arousa celebrada en Vilagarcía, para sentar as bases da futura Estratexia de Desenvolvemento Local da zona, que estará vixente ata 2020. Entre os colectivos representados, había confrarías, asociacións de produtores, consellos reguladores, colectivos do ámbito turístico e do comercio e entidades vencelladas á posta en valor do patrimonio marítimo e pesqueiro.

A dinámica da xuntanza estivo caracterizada polo dinamismo e alta colaboración das persoas asistentes que traballaron en tres mesas de temáticas específicas sobre economía pesqueira, turismo e patrimonio natural e cultural.

Como resultado desa dinámica, a sesión deparou decenas de propostas, no conxunto das tres mesas de traballo. A mesa do sector pesqueiro propuxo, entre outras, iniciativas integradas que vinculen as actividades marisqueiras e pesqueiras co patrimonio e recursos da zona (conserveiras, viñedos…), o estudo e analise do aproveitamento de especias da ría que actualmente non se comercializan, o fomento da formación práctica e a bordo das embarcacións para os profesionais e emprendedores no sector, a innovación para un traballo máis cómodo e máis seguro, a aplicación de I+D+I para envases e comercialización dos produtos, melloras e avance na trazabilidade e posta en valor dos produtos e aproveitamento das algas e os residuos da trasformación para a elaboración de cosméticos ou productos farmacéuticos.

A mesa do sector turístico avaliou, entre outras medidas, paquetes turísticos que vinculen as actividades da pesca e o marisqueo, visitas a bateas e promoción da gastronomía da zona, fomación a profesionais do sector da hostelería e turismo sobre as producións pesqueiras, formación náutica como actividade extraescolar e fomento das rutas costeiras (Camiño de Santiago) que vinculen as actividades acuiculas e pesqueiras co turismo e con experiencias enoturísticas.

Pola súa banda, a mesa de ámbito medioambiental e patrimonial propuxo accións de concienciación, elaboración dun plan de residuos do mexilón, potenciación de actividades medioambientalmente sostibles como a carpintería de ribeira, Posta en valor do patrimonio marítimo flotante mediante a catalogación das tipoloxías de embarcacións tradicionais, e posta en marcha de iniciativas para recuperar a navegación a vela.

O proceso continúa o día 22 de outubro e rematará o 5 de novembro

Coa sesión de onte deu comezo o proceso de elaboración da Estratexia de desenvolvemento local pesqueiro da Ría de Arousa, EDLP 2014-2020, un proceso que terá continuidade cunha próxima xuntanza o día 22 deste mes e rematará o día 5 de novembro coa realización dun Foro Final, sesións que en todos os casos terán lugar en Fexdega.

A participación nestes espazos é aberta, dirixida principalmente ás entidades do sector pesqueiro, institucións locais, organizacións e entidades sociais de carácter público e privado, así como á cidadanía en xeral. A elaboración desta Estratexia é de vital importancia para o futuro desenvolvemento da zona pesqueira, polo que a participación da cidadanía neste proceso é de gran relevancia.