Obxectivos

Unha mellora de condicións

Un dos obxectivos prioritarios do Eixe 4 é mellorar o traballo no sector pesqueiro, incentivando a diversificación económica, reorientando os investimentos cara ao sector turístico-pesqueiro, cultural, ambiental, etc.

O obxectivo será manter a poboación nestas rexións (fomentando a substitución xeracional) e lograr con iso a sostibilidade económica a longo prazo. A diversificación económica permitirá mellorar as taxas de crecemento económico e emprego destas zonas e aumentará a capacidade de elección dos traballadores á hora de buscar novas fontes de ingresos.

O plan de actuación

Esta estratexia baséase no fomento de actividades económicas alternativas, como as actividades turístico-pesqueiras (nas que hai que actuar para facilitar a súa posta en marcha e funcionamento por parte das organizacións pesqueiras) e a potenciación das políticas coordinadas sobre turismo e medio natural, así como outras actividades que permitan a diversificación do sector.

Para alcanzar niveis adecuados de desenvolvemento social tamén é necesaria a mellora dos sistemas que promovan a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a promoción da pluriactividade dos pescadores, mediante a creación de empregos adicionais fóra do sector pesqueiro a tempo completo ou a tempo parcial e o desenvolvemento de infraestruturas e servizos para un turismo sostible. Levaranse a cabo actuacións para cumprir outros obxectivos como a interrelación da pesca profesional, a deportiva e a recreativa ou o desenvolvemento de infraestruturas para un turismo sostible relacionado co sector

Diversificación das actividades

Como obxectivo singular proponse así mesmo desenvolver diversas  colaboracións científicas e a creación de liñas específicas de I+D+i orientadas á diversificación das actividades económicas que partan das propias zonas en declive. Existe tamén a necesidade de elaborar estudos sobre a capacidade de carga turística do litoral e dos espazos naturais protexidos para garantir a conservación do patrimonio natural, cultural e histórico destas zonas.