Proceso de constitución

A continuación darase explicación ás distintas fases que integran o proceso de constitución da asociación e a súa candidatura para conformarse como GAC. Debe terse en conta que este proceso está regulado por unha orde publicada pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e que unicamente se poderán conformar Grupos de Acción Costeira neste prazo.

As fases do proceso

Fase 1. Nesta fase a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos iniciará todos os contactos necesarios coas entidades dos sectores definidos anteriormente co obxectivo fundamental de alcanzar en cada unha das zonas identificadas a cohesión destas e presentar unha  candidatura de GAC por cada zona territorial.

Fase 2. Esta fase centrarase na posta en marcha de accións de difusión, comunicación e divulgación por parte das asociacións interesadas dos diferentes sectores co obxectivo de detectar as predisposicións necesarias noutras entidades con interese en formar parte dos futuros GAC.

Exemplo: xornadas de comunicación da iniciativa orientadas a dar a coñecer que son os Grupos de Acción Costeira e cales son as súas finalidades, envío de cartas ás entidades susceptibles de formar parte, etc.

Fase 3. Tras a fase de difusión e unha vez identificadas as entidades interesadas en participar no proceso de asociación, para optar a ser recoñecidas como GAC, deberán materializar a súa relación mediante a sinatura de acordos ou compromisos de cara a iniciar a formalización da súa personalidade como asociación.

Exemplo: no caso de asociacións, corporacións, sindicatos, etc., estes deberán adoptar un acordo de compromiso de asociación por parte dos seus órganos competentes.

En caso de tratarse de administracións locais (concellos, deputacións, etc.), este acordo debe ser adoptado polo pleno correspondente, para a súa aceptación.

Fase 4. Paralelamente ás fases 2 e 3 sería aconsellable iniciar as accións necesarias para levar a cabo a constitución dun equipo de traballo mixto, constituído tanto por representantes das entidades que integran a asociación e persoal técnico con experiencia na xestión e participación de programas europeos ou de desenvolvemento local, co fin de garantir a elaboración dun Plan estratéxico zonal (PEZ) en liña coas directrices establecidas na orde de selección dos GAC da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

 

Fase 5. Como paso previo á presentación formal da candidatura, que constitúe o paso último deste proceso, as entidades aspirantes a GAC, terán que celebrar a sesión constitutiva que dea orixe á asociación e aprobar o Plan estratéxico zonal (PEZ).

Fase 6. Presentación da candidatura ante a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.